Fandiño

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

06 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

XOSÉ Ramón Fandiño Veiga (Compostela, 1947) é un home que fixo unha Enciclopedia. Explícome. Este noso D'Alembert, con algo tamén de Diderot, foi o responsable da edición da Gran Enciclopedia Gallega, GEG (Santiago-Gijón, 1974-1986), editada por Silverio Cañada. Despois viñeron os Apéndices, complementos, versións en lingua galega, outras iniciativas enciclopédicas... pero hai que darlle o mérito a que o ten: a X. R. Fandiño, este factótum, licenciado en Filoloxía Hispánica na USC, editor, escritor e tradutor; premiado polo seu programa na Radio Galega Galicia Universitaria, guionista de televisión. E agora investigador no Instituto Galego de Información, empresa vencellada ó universo galeguista de Isaac Díaz Pardo. Fandiño tamén me abrira a min entradas e voces da GEG, para colaborar nesta obra primixenia e histórica, nos anos de estudante universitario. E sempre llo agradecín a este home que pertence amais a entidades coma o Museo do Pobo Galego, Pedrón de Ouro, Club Nacionalista Alén-Nós. Nestes días envioume como agasallo dous libros requintados: Juan López Suárez ou «Xan de Forcados» e a Obra completa de Luís Bouza-Brey, nos que el traballou e ben.