O colexio de Dices promove un salón de literatura galega

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

SANTIAGO

O centro de Rois terá unha intensa semana de actividades A iniciativa arranca cunha reunión cos pais para dar a coñecer as claves do proxecto

03 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O Centro Público Integrado de Dices, no municipio de Rois, organiza un salón do libro destinado a «favorecer ala difusión da literatura infantil e xuvenil galega», así como a «fomentar hábitos lectores na poboación» desas idades. A iniciativa conta coa colaboración da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, Galix, ademais do Concello de Rois e dunha empresa local de autobuses. Baixo o lema Engánchate á lectura , dende mañá e ata o 13 de novembro os 315 alumnos e alumnas matriculados este curso no centro poderán participar en distintas actividades, que comezan mañá coa presentación da iniciativa ós pais. Para o vindeiro luns, 8 de novembro, está prevista a actuación dos títeres Seisdedos coa obra Mantas non son cobertores . Xa o martes, o escritor Xosé Antonio Neira Cruz estará en Dices para falar sobre literatura. O mércores 10 é o turno do contacontos Celso así como do escritor Miguel Anxo Fernán Bello e de Manuel Figueira, para falar da literatura na rede. O xoves estará Marilar Aleixandre, mentres que o venres 12 Candido Pazó e o grupo de teatro Buratini, coa obra Contos para todo o ano. O salón do libro do CPI Dices pechará a súas portas o sábado 13 de novembro, cun recitado de poesías e a actuación do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima. E durante toda a semana permanecerá aberta a exposición Debúxame un conto . Nivel de lectura A xustificación desta actividade responde a un desexo de mellorar o nivel de lectura nun centro no que un «número considerable de alumnos e alumnas teñen dificultades» e, por conseguinte «na comprensión de textos que se ve agudizada pola falla de vocabulario». Este problema «acentúase progresivamente nos cursos superiores». Xunto cos docentes, as propias familias están «preocupadas» por este tema e intentan solucionalo aínda que moitas veces non da «maneira máis eficaz». Así pois, vendo as «carencias e necesidades que presenta a zona», o CPI decidiu solicitar o salón de promoción da literatura infantil e xuvenil, a fin de atender as demandas do alumnado e das súas familias, ao tempo que se potencia dun xeito progresivo a formación da comunidade educativa na literatura infantil e xuvenil galega dando pautas para que os escolares disfruten tamén coa lectura.