? Concello de Rois comeza esta tarde o seu programa de información, formación e lecer para este outono, organizado polo departamento de Asuntos Sociais e Emprego. E faino con varias charlas informativas que se celebrarán tódolos martes no colexio de Pomar, en Urdilde, e os xoves na sede da antiga cámara agraria de Dices, a partir das sete e media da tarde. Os temas clasifícanse en tres grupos: consumo, saúde e empresa. Sobre o primeiro ámbito falarase de créditos, hipotecas e tarxetas; aforro de enerxía; reclamacións do consumidor; telefonía, móbiles e tarifas de Internet; timos e estafas ó consumidor. En canto a saúde, os temas a tocar son alimentación sana e dietas de adelgazamento; coidados durante a menopausia; accidentes domésticos e primeiros auxilios e hábitos de vida saudables. Finalmente, charlas sobre muller e empresa e os seus beneficios socio-laborais; microcréditos e subvencións; novidade no réxime dos traballadores autónomos; igualdade de oportunidades e lei de conciliación da vida familiar e laboral. En canto ó plano da formación, o Concello de Rois oferta un seminario de planificación empresarial, tódolos sábados ata o 6 de novembro. Asimismo, organiza un curso de carpintería de aluminio en colaboración con empresas do sector e con «posibilidade real de colocación». Por último, hoxe mesmo comeza o curso de graduado escolar con dous días á semana en horario nocturno. Está dirixido a persoas maiores de 18 anos, con exames en xuño e setembro. A oferta de lecer do Concello arrancou a fin de semana pasada cunha actividade de voluntariado que contou coa participación de voluntarios de Covilha, en Portugal. De cara ó 23 e 24 de outubro, está programada unha viaxe a Fátima, coñecendo Coimbra, Batlha e Oporto. Por outra banda, o Concello tamén oferta cursos de informática que se celebrarán do 8 de novembro o 24 de decembro.