Que baixen o telón

CONCHA PINO

SANTIAGO

O MOGARÓN | O |

29 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

UN PESADELO. Niso se convertiu onte e anteonte a praza do Obradoiro e media cidade por mor da desacougante celebración do patrón da Policía Nacional, os Anxos Custodios, que pola imaxe que presidiu os actos e á que honraron marcialmente semella máis ben un anxo exterminador. Non me parece mal que calquera colectivo, entidade, corporación ou corpo nacional, como neste caso, celebre a festa do seu patrón. Pero non así, non cun despregue de efectivos que sería coma o desembarco de Normandía se Compostela tivera praia. Non lles quedou por sacar no desfile nin as pezas de museo, coma os uniformes napoleónicos dos axentes a cabalo, que se cadra foron o máis civilizado da parada, porque a evolución dos uniformes resulta curiosa e sempre queda ben nunha celebración festiva. Pero tanto helicóptero, lanchas neumáticas, vehículos de todo tipo, cabalos, motos e armas foron un exceso de produción. E un gasto inútil que, por riba, pagamos todos. Se os mandos e altos cargos pensan que con esta posta en escena a Policía Nacional está máis perto da poboación, que baixen o telón.