TRIBUNA PÚBLICA | O |
28 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O NACEMENTO das Peñas compostelanas, a súa orixe, ten un escenario moi concreto, nun barrio típico compostelán, que garda celosamente boa parte dos seus costumes ancestrais, e que ven sendo a antesala do remate do Camiño de Santiago. A miña referencia parte da palabra de don Manuel Liste, veciño da agarimosa rúa da Tafona e persoa entrañable e moi querida en Compostela. Da rúa de San Pedro sae a primeira peña compostelana, ala polos anos 20, da man dun coñecido artesán que chegaría a Deputado en Madrid, don José Mareque. A segunda peña crease no Camiño Novo no Bar Rosalía (Casa Vilas). Os seus peñistas, de vocación e afección os touros, eran os animadores da praza do Campo do Mendo (Residencia), onde extendían un enorme «toldo» co nome da peña. As peñas tiñan como finalidade fomentar o asociacionismo, reuníndose nos bares e tabernas, organizando excursións de todo tipo, culturais, gastronómicas, deportivas, practicando xogos populares, pero nunca con fins políticos. Nembargantes todo cambiou coa chegada da Guerra Civil: as peñas foron totalmente prohibidas. A dictadura non permitía as asociacións. Anos despois, logo dunha dura loita pola legalización, reapareceron con fins tan lúdicos como organizar excursións en autobús, nas que participaban abertamente as clases populares dos barrios. Abriuse a «ruta» das Rías Baixas, a das praias, ás Sinas, a Barraña Compostela... Sería interesante profundizar no coñecemento das nosas peñas.