O traidor non sempre é o outono

CONCHA PINO

SANTIAGO

PUNTA DO MOGARÓN | O |

27 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O OUTONO é tan traidor como a luz que nos brinda nestes días de verán serodio. Andan virus pululando polo aire e causando gripes, gastroenteritis e feblezas varias polo baixón de defensas que provoca esta fermosa época do ano. Porque é no outono, se cadra por mor de concurrir nel o inicio ou a reanudación de tantas cousas (o curso escolar, a escuridade e o frío invernais, a volta a rutinas...), cando nos enfrontamos a realidades que superan a capacidade individual de resolvelas. Como asumir que por riba de ti sempre hai un sistema, coma o escolar, que nestas alturas do ano provoca tantas desazóns porque te esmaga coa súa demoledora lóxica interna de normas e penalizacións. Ou o político, que por moito que te empeñes en querer mudar as cousas reduce a túa vontade a un voto, e afortudamente, porque nos iguala como individuos malia que os caciques os aten para sí como restras de chourizos. Onte estiven a piques de ir ao santuario de Santa Minia, ou a darlle o abrazo ao Apóstolo, por ver se era cousa de fe. Botei contas e convencime de que nin Dios nin a Virxe amañan o que o poder dos homes amola.