A XESTA | O |
22 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HAI MÁIS dun ano asomou unha furgoneta Nissan pola estrada da Coruña, trenqueleante e testán, como eses burros teimudos que se negan a avanzar por moitos paus que lle caian no lombo. Subía polo carril dereito e, por fin, quedouse. Un par de homes empurraron o veículo e axudáronlle ó propietario (suposto) a aparcalo. Dende hai máis dun ano o Nissan branco ficou cravado como un fito pegado á beirrarrúa, frente a Facenda, definitivamente abandoado á súa sorte. Unha vespa granate descansa no seu interior. Como ese gato cativo que hai uns meses dormía no lombo dun enorme can branco na Porta Faxeira. Os dous desamparados veículos, unidos polo destino, conviven baixo a choiva e o sol, sen moverse un ápice do anaquiño de espacio que lle adxudicou como derradeira morada (iso supoño) o misterioso amo que non volveu dar sinais de vida. Convertino, sen querer, nun referente, e todos os días párome a ollar os coches que se poñen diante e detrás, a comitiva diferente que agarda cada xornada, as marcas, modelos e cores que se turnan en velar a furgoneta. E o chan do vehículo desempoado como o primeiro día. Témome que, con estas liñas, o xogo visual e mental que me inspira o Nissan branco teña xa os días contados. Un masoquismo extraño.