O FIADEIRO | O |
11 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.UNHA DAS MIÑAS lecturas máis gratas e cativadoras neste verán foi a do libro de Anxos Sumai, Anxos de garda (A Nosa Terra, 2003). Moi boas horas pasei con esas páxinas, nadas da fértil creatividade da miña amiga de Catoira, Anxos García Sumai. Letras en estado puro. Ela xa nos saúda dende a capa do libro cun sorriso que engaiola e esa estreliña vermella pousada no busto, que sempre significa esperanza, como a estación de Manu Chao. Eu querería escribir tan ben coma Anxos Sumai, a quen coñezo dende os anos lonxincuos da Facultade de Historia, ou xa antes, cando ma presentara o común amigo Arturo López Regueiro. Posúe moitas calidades humanas e intelectuais, e agora desenvolve un traballo calado pero estupendo no Consello da Cultura Galega, entre papeis e lerias cibernéticas. Que ben narra Anxos, cando retorna a súa nai, cando nos fala do noxento Prestige ou da maldita guerra de Iraq e das desgrazadas guerras e inxustizas todas. E como se achega ó amor e ó desamor, á amizade, á música e á literatura que acompañan os seus mundos cotiáns. Un diario sui generis , onde ás veces nos vemos reflectidos e sentimos solidaria calor anxelical. É unha gozada.