Viaño

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

14 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

GUSTOUME o titular dunha entrevista a Maximino Viaño neste mesmo xornal (14-VII-2004), asinada por Míriam F. Louzao: «Escribo estes libros para que a xente nova saiba como era Galicia». Quen fora, entre outras tarefas, fundador e presidente de Ternera Gallega, sacou á luz o seu segundo libro, intitulado Os muíños de Riamontes. Contos da miña aldea (Xerais, 2004). Da súa primeira entrega editorial, a voluminosa e necesaria Lembranzas. Una vida en el campo gallego (3C3, 2001), coa que comprendemos mellor o medio rural do noso país, tiven a honra de ser o seu prologuista. Por iso, e porque xa o tratei dende a miña infancia, podo afirmar que coñezo bastante este autor, este personaxe tan pegado ó mundo agropecuario galego, ás súas preocupacións, procesos evolutivos e arelas. Viaño remexe agora de novo nas súas vivencias e recordos, nas xentes e terras que acompañaron -e acompasaron- a súa vida. E faino con bo tino. É este o último libro de Maximino, apoiado na edición polo Concello de Ames, pero quizais non sexa o derradeiro, porque xa nos anuncia outra obra sobre as súas viaxes. Inda hai moitas experiencias vitais para lle legar á mocidade. Agardámolo.