ANOS DE GRAZA
14 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.AÍNDA QUE pareza mentira, os feitos que levo contado tiveron lugar estando eu presente, pero o mundo xa dera moitas voltas antes da miña creación e en Compostela aconteceron cousas cando eu non existía, unha delas, a razzia de Almanzor. Sucedeu hai moito tempo por estas datas, e causou tal impacto que, hoxe, non só se lembra senón que, este ano, correu a voz que podería repetirse. Pasara máis dun século desde a invención dos restos apostólicos, en tempos do bispo Teodomiro e o rei astur Alfonso II o Casto, quen mandara construír unha igrexa pequena ex petra et luto opere parvo. Pero foi Alfonso III, magnus imperator, o que converteu Compostela nun grande centro espiritual, levantando unha catedral de tres naves e tres ábsidas consagradas ó Salvador, San Pedro e San Xoán, visitada mesmo polos cristiáns residentes en terras de mouros que, ó seu regreso, non paraban de contar as marabillas, un desafío para o poder musulmano do califato de Córdoba, rexido por Almanzor al Allah (Vencedor pola graza de Deus), un home tan hábil e de tan boas maneiras que pasou de ser un pobre estudante a cautivar á sultana e empoleirarse como califa. Era unha personaxe culta. Reorganizou o exército, potenciou as artes e as ciencias e agrandou a mesquita. Tan poderoso señor non aturaba a influencia espiritual da nosa cidade, así que tódolos anos proclamaba a Jihad, ou seña, a Guerra Santa, para atemorizar á cristiandade e, como non o conseguise, decidiu marchar sobre Compostela para rematar coa ameaza. A principios de xuño de 997 púxose en camiño, destruíndo canto se lle puña por diante, ata que o 10 de agosto entrou na cidade, erguendo o campamento no Campo da Estrela (Alameda) e o Souto de Poldros (Santa Susana). Chamoulle a atención non sentir ningún ruído e ver aberta a Porta Faxeira, de modo que avantou por Vallis Milborum e sen atopar a ninguén penetrou na catedral, que estaba baleira. O noso bispo, San Pedro de Mezonzo ordenara evacuar a vila enviando lonxe o tesouro catedralicio e, sobre todo, as reliquias do Apóstolo e dos seus discípulos, para gardalas en lugar seguro. O califa só atopou na catedral ó propio bispo, rezando o Salve Regina Mater que acababa de compor. O resto é historia: Almanzor arrasou a cidade e marchou levando as campás da catedral que colocou na mesquita a xeito de lámpadas. Foron devoltas por San Fernando cando conquistou Córdoba en 1236. Propostas pintorescas Hoxe tan só unha rúa lembra ó heroico bispo San Pedro de Mezonzo, pois por fortuna non foron a ramo os dous proxectos con que se quixo perpetuar a súa memoria. No Ano Santo de 1897, don Ventura Villar, tenente de alcalde, propuxo elevarlle en Santa Susana un obelisco de mármore branco, ornado de encaixes e filigranas e rodeado de flores que brillarían día e noite, con cartelóns onde estaría gravada a oración en tódolos idiomas, ou ben figuras que representarían tódalas nacións, sen descartar unha cripta de galerías subterráneas con saída ó Pombal e ó Camiño Novo. En 1935 asistimos a unha proposta máis pintoresca consistente nunha ciclópea imaxe colocada no Pico Sacro, cun aparato de proxeccións para que nas noites claras se puidera ler no firmamento Salve Regina Mater. aldonzadepraterias@yahoo.es