«¿Onde está o cliente?»

La Voz A. F. | SANTIAGO

SANTIAGO

Cando era nena, Uxía Blanco quería ser monxa e é curiosamente nunha igrexa, na Colexiata do Sar, onde garda un dos seus mellores recordos como actriz, a súa segunda vocación. Foi alí onde conseguiu un papel de prostituta para a superproducción El Camino de Santiago. «Aparecín demasiado puntual. Levaba unha minisaia cunhas tremendas raxas laterais, lucía medias negras de reixa e ía subida nuns tacóns imposíbeis. Non había ninguén fóra, así que entrei na igrexa e experimentei, polas olladas dalgúns dos presentes, o que debe pasarlle a unha puta. Só un dos da peli pensou que eu era a actriz que viña facer o casting de puta. Media hora despois, chegaron outras actrices vestidas de 'normais'. O director foinos saudando e cando chegou a min, pregunteille: '¿Onde está o cliente?'. Cando nos iamos, díxome: 'Dentro de 15 minutos asinas o contrato'», lembra, rindo, Uxía.