VOZ EN OFF
24 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.COMPOSTELA vive dende onte á noite a súa festa grande coa ledicia de quen ofrece a súa mellor cara ao mundo. A presenza dos Reis e, hoxe, do presidente do Goberno dan o máximo rango institucional á celebración e a cidade gústase no seu papel de anfitriona para milleiros de visitantes que enchen as rúas como nunca antes. Santiago está nun proceso continuado de facerse, de medrar, como todos podemos ler estes días nas múltiples obras -serodias e molestas, pero necesarias- para a mellora das infraestructuras da capital, e os resultados deste proceso farán que a cidade do 2010, próximo ano santo, terá dado outro salto cualitativo como os que leva dado dende 1993 e 1999. E cómpre facer máis Compostela dende a base, dende o movemento cidadán, porque o edificio non só require pulso institucional senón vida propia, forte e dinámica na procura de novos obxectivos. Para seguir gustándonos.