ANOS DE GRAZA
17 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ESTES DÍAS seica andivo entre nós a raíña Sofía, pero non me visitou, supoño que volverá o próximo 25 cando acompañe a el-Rei na ofrenda, anque, con esa teima de entrar e saír polo Obradoiro, non creo que chegue a vela. Como vos contei a primeira vez que comparecín nestas páxinas, entre os poucos que cambiaron a rota, entrando pola Porta Santa, contánse os Duques de Montpensier, e así puden coñecer á duquesa María Luísa, a cal dá nome a un famoso parque sevillano. Tamén nestas mesmas datas, pero algúns séculos atrás, en 1325, a raíña santa Isabel de Portugal, viúva recente de D. Dinís, quixo peregrinar a Compostela e festexar o día do Señor Santiago. Con ese propósito, a principios de xullo rodeouse dun séquito numeroso, montou nunha mula ricamente enxaezada con freo de prata, ouro e pedras preciosas, e saíu de Coimbra. Ao chegar á altura do Milladoiro, vislumbrando ao lonxe as torres da catedral, repetiu o xesto de Xelmírez cando regresou de Braga, é dicir, baixouse da montura e fixo a pé o resto do percorrido. Como aínda faltaban días para o 25, encamiñouse a Padrón para visitar os lugares ligados ao culto apostólico: viu a pedra onde os díscípulos ataron a barca, subiu ao Santiaguiño do Monte, en fin, non lle quedou nada por mirar. O día da festa, asistiu á solemne cerimonia que se celebra na catedral oficiada polo arcebispo don Berenguel e, no momento da ofrenda, presentou toda aquela regalía que traía preparada: a coroa revestida de pedras, os vestidos rendados con pérolas e pedras preciosas cos que presidía as cerimonias na Corte; a vaixela labrada que se puña na mesa os días de festa; panos nos que se vían bordadas as armas de Portugal e Aragón; vestiduras sacras, teas de ouro e seda, qué sei eu, ata a mula lustrosa coa que fixera a viaxe lle deixou ao Apóstolo. Ao despedirse da cidade, o bispo regaloulle un bordón rematado en tau, cuberto de chapas de prata e adornos de cunchas. Cando esta santa muller foi canonizada en 1612, ao abrir o sartego de pedra polícroma co seu retrato pintado en vida, tiña sobre o corpo o bordón compostelán. Hoxe descansa en furna de prata no altar maior do convento de Santa Clara fundado por ela en Coimbra. Se ides por alá a escoitar uns fados, non deixedes de visitala e dádelle recordos. Tanto impresionou aquela visita e tan ben lle caíu ós composteláns, que a imaxinación popular inventou unha nova peregrinación, na que Isabel viría vestida de mendiga e pedindo esmola, pero, se vos digo a verdade, eu non lembro tal cousa. Tampouco é moi exacta a lenda que atribúe o nome da rúa da Raíña, sita por tras da do Franco, ao feito de permanecer Isabel nun hospital encravado nese lugar, pois resulta que moito antes da real visita xa se coñecía unha rúa compostelá con tal denominación. En dous documentos que podedes consultar no Tombo C, menciónase que o 25 de maio de 1166, Guillermo Peres véndelle ao coengo Diego Ordoñez un quiñón que posuía nunha vivenda de Fonte Regina. E a 12 de xuño de 1235, vendeu María Peres, o seu home e irmáns a Martín Peláez unha casa en Fonte Regina et ex alie parte congustram qua itur ad villare et ad Fonte Franci. Pero quen pode contradicir unha tradición de séculos. Estou convencida de que os santiagueses seguirán contando que a Raíña se chama así en honra daquela santa dona portuguesa e, a estas alturas, xa hai que dalo por certo. aldonzadepraterias@yahoo.es