ANOS DE GRAZA
03 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ENTRE AS moitas cousas das que pode presumir a nosa cidade destaca a grande formación dos bispos que nos rexeron que, malia viviren momentos moi duros, non esqueceron alimentar o intelecto do seu rabaño de paso que salvaban as almas. Foi o caso de Juan de Sanclemente i Torquemada. Nado en Córdoba en 1534, fórmase na universidade de Alcalá de Henares xunto ó seu parente Ambrosio de Morales. Felipe II, que o coñeceu en Badaxoz onde exercía de Maxistral, tívolle sempre moita lei, de aí que o propuxese para bispo de Ourense e, ó quedar vacante a sede compostelana, como Arcebispo de Santiago. Don Juan dubida ante tanta responsabilidade, lembrando as palabras dun seu antecesor quen dicía que esta diócese tan vasta precisaba un pralado de ferro, pero ó fin acepta o cargo, tomando posesión o 12 de outubro de 1587. Podo asegurarvos que en todo o seu mandato non tivo o pobre home un día de repouso, pois a maiores da fame e a peste que nos asolaron, a guerra coa protestante raíña Isabel de Inglaterra motivou a visita de Drake. Ante o perigo de que o corsario destruíse as reliquias, o bispo enviounas a Ourense, todas menos as do Apóstolo, tan ben agochadas por tras do altar maior que no apareceron ata finais do século XIX. A pesar de tales penurias, Sanclemente non esqueceu a instrución dos máis desprotexidos. En agosto de 1597 mercoulle ó Cabido a casa da Troia e un inmobre contiguo na rúa Callobre, a fin de construír un colexio que acollese a dazaoito doncelas orfas, xunto con varias pupilas, onde aprenderían a Doutrina e os labores domésticos para poder servir en casa honradas; e o 11 de outubro de 1601 outorgou un codicilio dotando 25.000 ducados de ouro para fundar un colexio de pasantes, edificado extramuros da cidade, encargándose das obras Jácome Fernández. Entre os discípulos destacou Francisco del Valle-Inclán, primeiro bibliotecario da universidade. Este edificio, hoxe en activo e gozando de boa saúde, tivo unha traxectoria do máis variada. Durante a invasión francesa acolleu tropas. En 1817 instalouse nel a Academia de Enxeñeiros que conta entre os seus records ter como axudante da cátedra de debuxo a un rapaz de dez anos, Jenaro Pérez Villamil, nomeado polo seu pai. Máis tarde estivo a piques de acoller a Audiencia, empezaron as obras, desistiuse do proxecto e, en 1829, foi o Seminario quen pasou a ocupalo ata 1868 en que se trasladou a San Martiño Pinario. Ó quedar baleiro botoulle o ollo o Arquivo de Galicia, pero frustrada esa tentativa, volveu ser cuartelillo ata 1885, ano en que por iniciativa de Montero Ríos, pasa a aloxar a Escola de Artes e Oficios e a Real Sociedade Económica. Non sería a única vez que tan solicitado predio reuniu diversos ocupantes pois, en 1894, os estudantes de veterinaria e os de dereito conviviron no seu patio. En 1909, durante a Exposición Rexional, móntase aquí a sección arqueolóxica con máis de 10.000 pezas presididas pola Minerva de Ferreiro. Despois da guerra civil, grazas ó especial empeño de dona Pura La Lorenzana , como a coñeciamos todos, restáurase para convertelo no Instituto Rosalía de Castro, único centro feminino da contorna por espazo de moitos anos. Destacadas figuras compostelanas deambularon polos seus corredores, ben como alumnos ben como profesores. Pero esta historia, mellor ca min, cóntavola a exposición que deica setembro podedes visitar nas súas dependencias, ó tempo que contemplades o arco oxival, procedente do Pazo de Altamira da Praza de Cervantes, doado á Real Sociedade Económica.