ANOS DE GRAZA
26 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A NOITE do 23, Compostela acendeuse como cada ano en ducias de cacharelas que daban a benvida ao solsticio de verán. De sempre fomos os picheleiros moi afeizoados ao lume, non perdendo ocasión de prender unha boa fogueira, quizais porque as nosas orixes están unidas a certas luminarias que ardían en San Fiz e que guiaron ao bispo de Iria, Teodomiro, cara a un enterramento sacro, arredor do cal nace Compostela. Desde o meu emprazamento teño visto labaredas gloriosas, algunhas tocáronme tan de perto que case acaban comigo. Así sucedeu no ano 1117, cando os composteláns se rebelaron contra o poder absoluto de Xelmírez, señor da cidade, reclamándolle a cesión de parte dos privilexios. Ante a negativa do prelado, e aproveitando que se encontra reunido coa raíña Urraca nas dependencias do pazo arcebispal, os conspiradores puxéronlle lume á catedral -que estaba en construción-, incendiaron andamios e cimbres de madeira, causando grande estropicio en Praterías, pois romperon moitas esculturas (algunhas quedaron en parte desprendidas e houbo que enganchalas con grapas de ferro). Eu librei de milagre pero fiquei asustada polas hordas que se botaban sobre a raíña -Urraca achegárase a pór paz-, espíndoa e acantazándoa. Aínda me parece estar vendo a unha vella que, armada cunha pedra, mancou á real persoa na cara. Hai uns días faleivos dun incendio que en 1466 arrasou Praterías e puxo cerco á catedral durante a revolta Irmandiña, pero tamén dentro do templo tivemos os nosos apuros co lume. O 2 de maio de 1921, unhas velliñas que ían escoitar a misa de alba viron como saía fume por baixo da porta da capela das Reliquias. Avisado o campaneiro, repenicaron as campás a toque de rebato, contaxiando a todos os sinos da cidade, espertando aos veciños co aviso de chamosco. Daquela as campás tiñan lingua propia e a xente ao escoitalas sabía se anunciaban unha morte ou un parto. Cando os santiagueses souberon que ardía a catedral congregáronse en masa xunto coas autoridades, a Garda Civil e o reximento de Infantería de Zaragoza ao mando do capitán La Rosa. O coche dos bombeiros, guiado por Celestino Barreiro, acudiu presto, pero quixo a mala fortuna que tivesen as bombas de auga inutilizadas. Así e todo a xente era moi práctica e armada cos máis diversos artiluxios, formou unha cadea dirixida polo arquitecto López de Rego, que recollía auga da fonte de Praterías. Os rapaces, que a esa hora pasaban camiño da escola, tomaron parte activa e entusiasta na extinción. Concurso de proxectos Como os danos foron grandes, afectando especialmente ao retábulo de 1633, obra de Bernardo de Cabrera, o Cabido convocou un concurso de proxectos en decembro, que gañou Rafael de la Torre, profesor de debuxo da Escola de Artes e Oficios. Maximino Magariños encargouse da talla en madeira de cedro, conseguindo esa filigrana na que se aprecian pasaxes da vida e traslación do Apóstolo, da historia da Igrexa, de Galicia e da catedral, así como bustos de egrexios persoeiros, escudos da nobreza galega, de reis e prelados, nun traballo magnífico que unicamente deixou sen talla os fustes das columnas. Completan o conxunto imaxes de santos, a maioría en prata dourada, e as reliquias, entre as que destacan as de San Rosendo, San Torcuato, Santa Bárbara, San Bieito, San Fructuoso, o brazo de San Cristovo, as cabezas de Santiago o Menor e Santa Paulina, ou un fragmento do Lignum crucis. aldonzadepraterias@yahoo.es aldonzadepraterias@yahoo.es aldonzadepraterias@yahoo.es xto