Moi pouca xente

| MARIO BERAMENDI |

SANTIAGO

DA XORNADA de onte do Primeiro de Maio pode concluírse que a xente, en xeral, pasa das mobilizacións. E que non cre moito na convocatoria dos sindicatos. A situación do mercado laboral non está para botar brincos. Ao contrario: a tasa de paro supera o 14%, máis do 30% dos traballadores da área de Compostela teñen un contrato eventual e o 60% dos desempregados da comarca son mulleres. Estas son algunhas das cifras que xustificarían xa de por si unha masiva manifestación polas rúas de Compostela. Pero non foi onte o caso. A xente prefire resolver os seus problemas de xeito individual. A estampa de onte non só amosa que o Primeiro de Maio vai camiño de ser un acto meramente simbólico senón que cuestiona o poder de convocatoria dos sindicatos nun momento no que a súa capacidade de chamada debería ser especialmente forte coas nefastas estadísticas laborais na man.