O FIADEIRO | O |
01 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.COA PRIMAVERA e o verán tamén chegan as feiras do libro. Cidades e vilas poñen os exemplares nas casetas dos parques e prazas, para que os teñamos máis preto de nós, aledando e ilustrando os nosos paseos. Os libreiros entregaron en Ferrol os seus galardóns anuais, os premios Irmandade do Libro, sempre como limiar da posta en marcha destes mercados bibliográficos. Alí estivemos, felicitando, aloumiñando e compartindo as inquedanzas do sector. «Nalgures alguén escribiu un libro para ti. Pregúntalle ao teu libreiro», suxírenos un marcapáxinas. E hai pouco lémoslle a Rosa Montero: «Nas súas mans hai máis maxia ca nas de Harry Potter ou Merlín, el é capaz de trasladarte a máis mundos que unha axencia de viaxes. O libreiro -di a xornalista-¿ é o explorador, o guía e o sabio conselleiro da túa vida de lector (...). Eu sentiríame perdida sen o meu libreiro», conclúe. Compostela madruga todos os anos coa súa Feira do Libro. Nas datas arredor da festa dos traballadores do 1 de maio sempre están os libros na Alameda, solicitando a nosa atención. Libros e actividades culturais, facendo máis atractivo o evento. Pidamos tardiñas de sol primaveral, sen fríos e chuvia, polo realce desta xeitosa cita literaria.