Negreira acolle un amplio programa de actos no centenario de Magariños

Emilio Forján NEGREIRA

SANTIAGO

As actividades terán lugar durante varios meses, con especial incidencia en setembro Un dos obxectivos para a difusión da obra do escritor e avogado é chegar ó alumnado

28 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello de Negreira presentou onte o programa do Ano Xulián Magariños Negreira, con motivo do centenario do nacemento do avogado e escritor galeguista (1904-1934), que inclúe numerosas actividades, dende un congreso, exposicións, concertos e eventos deportivos. No acto tomaron parte o alcalde negreirés, José Blanco Pazos; o concelleiro de Cultura, Jorge Couso García; e mailo comisario do centenario, X. Amancio Liñares Giraut. Dende a declaración oficial pola corporación municipal o pasado 11 de marzo, levouse a cabo a creación dun logotipo do evento, aplicado xa na correspondencia municipal, así como a comunicación oficial ó fillo e netos do escritor que residen en Las Palmas de Gran Canaria e maila plantación dunha cerdeira na praza de Ferreiro o pasado 24 de marzo como acto simbólico do comenzo oficial dos actos. Onte tamén se presentou a edición do cartel conmemorativo e a emisión de cuñas na radio municipal, dedicadas a salientar a figura de Magariños, as cales se emitirán ó longo deste ano, segundo destacou na presentación o comisario do centenario e responsable da coordinación dos actos, X. Amancio Liñares Giraut. Asimesmo, se realizaron diversas xestións con entidades culturais, educativas e deportivas do municipio e de ámbito galego para a súa colaboración na difusión dos actos, para o cal está prevista a colocación dunhas grandes pancartas alusivas na vila de Negreira. Entre as actividades previstas nos centros de ensino da comarca de Barcala, as cales realizaranse de forma autonóma, destacan conferencias, concursos, recitais ou programas de radio. En canto ós concursos, cóntase cunha achega económica da Consellería de Cultura «sempre que os propios centros organicen eses certames», sinalou Amancio Liñares. Está confirmada unha conferencia o vindeiro 10 de maio no IES Xulián Magariños sobre o escritor homenaxeado, aínda que segundo o comisario do Centenario «a maior parte das actividades terán lugar no primeiro trimestre do vindeiro curso».