Paixón

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

17 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A SEMANA SANTA compostelana segue o relato da Paixón. O Xoves Santo, despois da Santa Cea, desfila na noite a confraría do Noso Pai Xesús Flaxelado, con sede en San Agostiño, a única a que non lle preocupa o semblante do tempo pois, desde a súa fundación no ano 1953 polo P. Villamil a partir da Congregación de San Luís Gonzaga (os populares «Luises»), anque caian chuzos de punta non deixa de acompañar a imaxe do s.XVIII, obra de Diego de Sande, artista un tanto rifón que traballou en Compostela onde morreu nunha pelexa. A talla de Cristo atada á columna adopta a iconografía marcada polo escultor galego afincado en Valladolid Gregorio Fernández (autor do Santo Cristo da Paciencia que preside o Via Crucis do Mércores Santo), que tanto influiu no norte español, mentres no sur impuñan o seu estilo Juan de Mesa e Martínez Montañés. O Venres Santo á mañanciña ten lugar na Quintana o Encontro de Cristo coa súa Nai, organizado pola confraría do Noso Pai Xesús Nazareno e a Virxe das Dores, creada en 1731 por aristócratas cabaleiros de San Caetano. En 1770 acredítase como institución benéfica para asistir ós condenados a morte, funerando un total de 32. Moitas confrarías tiveron misións humanitarias en orixe, substituíndo ó estado nos labores deste tipo, como as actuais onegués. Valla de exemplo a dos «negritos» de Sevilla, fundada cando o cardeal Mena crea en 1393 un hospital para recoller os negros abandonados (ata 1840 non admitiu cofrades brancos). Integran o cortexo do Encontro, que parte de San Miguel, catro imaxes do s.XVIII: Xesús Nazareno, a Virxe das Dores, San Xoán e a Verónica, de Manuel de Prado Mariño. A media tarde parte de San Bieito o grupo escultórico da Quinta Angustia cara a súa capela. A procesión saía nun principio o luns de Pascoa ata integrarse dentro do ciclo da Semana Santa en 1968. Mágoa que se perdera o xogo dos petos de barro que lanzaban mulleres por riba da imaxe, brincadeira que se practicaba en moitos lugares da Galiza e Portugal con raíces en ancestrais ritos de purificación. Arredor das 8 da tarde, fórmase o Santo Enterro desde Santo Domingo, onde radica a Real e Ilustre Confraría do Rosario fundada no s.XV. Conta con 120 confrades, capela e cemiterio propios. Os Reis Católicos foron Irmáns Maiores, título que ostentaron tódolos monarcas españois. No Ano Santo de 1909 o rei Alfonso XIII portou o Calvario. Todo no desfile é rexio: a imaxe de Cristo Xacente encargado o 28 de marzo de 1631 ó escultor Gregorio García xunto e ó seu colega Pedro Suárez. A urna actual, de pau de rosa, prata, carei e marfín, foi contratada o 7 de marzo de 1740 ó mestre ebanista Tomás de Fontenla por seis mil reais e reformada en 1955 polo tallista Bonome. A talla da Virxe, obra de Castor Lata, porta un manto regalo da raíña Isabell II con motivo da súa visita a Compostela en 1858, confeccionado en veludo de Lyon con bordados en prata. O trono, á semellanza do da Urna, data de 1790 e marcha iluminado desde 1956 con vasos arxentarios da xoiería Ángel. Esta confraría celebraba a infraoctaba de Corpus con danzas, cabalgatas e representacións de autos relixiosos. Pola noite desfila a confraría da Virxe da Soidade, fundada no s.XVII con sede na igrexa de Salomé. Este ano cumpre os primeiros 50 a confraría do Santo Cristo da Unción e Nosa Señora da Serenidade, fundada por antigos alumnos lasalianos. A Virxe, que pisa a rúa en 1954, é da autoría do escultor Castor Lata, quen, en 1957 esculpe o paso do Cristo. aldonzadepraterias@yahoo.es