ANOS DE GRAZA
27 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.CANDO O 1 de abril do ano do Señor de 1188, venres da cuarta semana da Cuaresma, o Mestre Mateo asentou os linteis do Pórtico da Gloria, levaba traballando na obra vinteoito anos, pois o rei Fernando II contratárao de por vida en 1168 cun soldo de cen maravedís anuais. Claro que inda faltaba algún tempo para que o Pórtico estivese rematado, pero o principal estaba feito e o home tan orgulloso da súa obra que, amais da data e para que non houbese dúbidas sobre a autoría, esculpiu: « Anno ab incarnaciones dni MCLXXXLIII erai CCXXVI die KLl. Aprilis super liminaria principalium portalium eclessie beati jacobi sunt collocata per magistrum Matheum qui a fundamentis ipsorum portalium gessit magisterium» . (No ano da Encarnación do Señor, 1188, era de 1226, día das calendas de abril, os linteis do pórtico principal da igrexa do Benaventurado Santiago foron colocados polo Mestre Mateo, que dirixiu a obra desde os cementos). Non menos satisfeito andaba o bispo Pedro Suárez de Deza que, entre tanta beleza, non sabía moi ben onde pousar a vista: no Patocrátor, na serea ollada de Santiago que preside o parteluz portando o tau dos bispos, nos vintecatro anciáns afinando os instrumentos para dar comezo o celestial concerto ou naqueles semblantes tan verdadeiros / aquelas túnicas maravillosas / aqueles ollos de vida cheos , como escribiu a nosa gran Rosalía. Como Fernando de Casas Novoa non empezou ata 1738 a fachada do Obradoiro que remataría en 1750, durante séculos a policromía das estatuas eran as encargadas de dar a benvida ós peregrinos e, cando o sol as iluminaba no ocaso, máis de un se sentiu transportado á Xerusalén Celeste. Claro que tanta fermosura foi percibida por cada quen dun xeito diferente segundo a súa sensibilidade. O noso escritor Rafael Dieste contounos que moitas veces viu falsos peregrinos diante do Pórtico, enfeitados turistas de devoción, pero unha vez vislumbrou unha muller, unha pequena labrega con todo o sol montesío nas meixelas e no pelo. Situouse ó seu carón para contemplar o cadro e daquela si que resplandeceu a pedra. Pero ¿onde se inspirou Mateo para crear a súa obra? Moitas foron as interpretacións que levo escoitado, sempre desde un punto de vista bidimensional que abranxía os tres arcos centrais, pero en 1849, o pintor Pérez Villaamil engadiulle nun seu cadro, como a contraluz, dúas das figuras do anverso da fachada, querendo introducir ó espectador neste espacio e dando pé a unha nova visión. En 1988, para conmemorar o VIII centenario da colocación dos linteis, tivo lugar a exposición O pórtico da Gloria e o seu tempo , no que o profesor Serafín Moralejo diu co quid: o que se está a representar alí é a dramatización dunha homilía, moi en boga no século XIII, que se lía no Nadal, atribuída a Santo Agostiño e coñecida como Ordo Propheratum , na que se convoca a profetas veterotestamentarios e adivinos xentís a dar testemuño de Cristo como Deus feito home, nun cortexo encabezado por Moisés. Por iso, xunto a figuras como Xeremías, Ezequiel ou Daniel, aparecen, no reverso da fachada, outras tan estrañas ó lugar como o poeta Virxilio, Balaan ou a Sibila Cumana, creando un recinto habitado, un escenario que envolve ó espectador. Estes días estanme chegando novas de que, dentro da programación do Xacobeo, un grupo de músicos quere rescatar do esquecemento o Ordo Propheratum , nunha merecida homenaxe ó profesor Moralejo. Cando saiba máis cousas, dareivos razón.