ANOS DE GRAZA
13 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.CONFORME vai avanzando o ano e nos imos achegando á Semana Santa, vai en aumento o número de romeiros que veñen visitarnos co gallo do ano santo. Quizais moitos deses visitantes se boten a andar seguindo o camiño das estrelas sen saber moi ben nin desde cando nin o porqué de tan importante celebración, polo que non estaría demais recordarllo. Todo empezou no ano 1112 cando o Papa Calixto II (ó que se lle atribúe o Liber Sancti Jacobi, de aí o nome de Códice Calixtino), instituíu que serían anos xubilares en Compostela aqueles nos que a celebración da festa do noso señor Santiago caera en domingo, o que dá lugar á proporción: seis, cinco, seis e once anos. Tal regularidade repetiuse desde que eu teño memoria con algunha excepción en que houbo dous lapsos seguidos de once e doce anos, por exemplo 1886-1897 e 1897-1909. A culpa foi dos anos bisestos, pois para que cadrase mellor o ano civil co astronómico, Gregorio XIII dispuxo na súa reforma que non terían tal categoría os finais de século se, suprimidos os ceros finais, o número non é divisible por catro, cousa que acontece cada catrocentos anos. Por esta razón non foron bisestos os anos 1700, 1800 e 1900 e sí o 2000. Aparte das alteracións por causa de axustes do calendario, algunha excepción si houbo a tan ríxida regulación, pero sempre relacionada co noso santo patrón, non por capricho de alcalde (no 1992 quíxose facelo coincidir coa Expo sevillana e as Olimpiadas de Barcelona, fracasando tal disparate). Lembro un xubileo extraordinario no ano 1885, anque ó ano seguinte lle tocaba ser Santo, por concesión do Papa León XII outorgada o 25 de xullo de 1884 para celebrar a confirmación por Decreto da Sacra Congregación de Ritos de que os restos achados nas excavacións levadas a cabo na cripta, dirixidas polo historiador e coengo don Antonio López Ferreiro, eran do Apóstolo. Mágoa que a epidemia de cólera que se declarou nesas datas lle impedise ás xentes viaxar. Pois como ía dicindo ó principio, xa se empeza a notar a chegada de xente, hai bulicio en Praterías e sinto moitas olladas postas en min, menos mal que volveu chover e puiden lavar o po acumulado nestes días de seca. Polo momento escoito diversos acentos casteláns e moito portugués, sobre todo vexo rapaces lusitanos, que semella que non queren que o seu camiño se esqueza. Claro que unha que ollou tanta testa coroada ou apelidos rimbombantes non se impresiona tan facilmente. Precisamente hai agora anos, un 3 de marzo de 1669, chegaba onda min Cosme III de Médicis, acompañado dun séquito de trinta persoas, entre elas tres cronistas: Lourenzo Magalotti, Filipo Corsini e G.Battista Gornia. Faltaba un tempiño para a invención da máquina fotográfica (e non digamos do vídeo), daí que o seu levantador de actas fose o puntilloso pintor Pier María Baldi, quen realizou unha serie de debuxos da viaxe, hoxe conservados en Florencia, auténticos retratos da Galiza de entón: Tui, Redondela, Pontevedra, Padrón, Compostela, o Val da Barcia e Coruña. O correspondente a Santiago, tomado desde o Castro de Potros (Santa Susana), é a primeira panorámica da nosa cidade que se conserva e presenta a peculiaridade de coincidir cos cambios que se estaban a producir neses momentos, polo que poden apreciarse cúpulas, cimborrios, balaustradas coroadas con bolas e pináculos, elementos arquitectónicos mesturados con outros máis tradicionais. Cosme de Médicis botou tres días entre nós, aloxado no convento dos franciscanos. O seis de marzo, despois de tomar a cinza, pois empezaba a Coaresma, partiu cara A Coruña. P.D.: Como sempre gustei de estar ó día, apunteime a ese invento do correo electrónico, que é aldonzadepraterias@yahoo.es para o que queirades mandar.