El cronómetro | Pilar Buela
11 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.? profesora de Lingua e Literatura no IES de Valga Pilar Buela elexiu para a súa primeira novela, Ácaros verdes , á amante de Hitler, Eva Braun, e a muller de Goebbels, Magda, para narrar dende unha óptica feminina os derradeiros días do nazismo en Berlín. Pilar Buela (Ameneiro-Teo, 1966), gañou con esta obra o premio Manuel Lueiro Rey de novela curta 2003. -Porque me chamou a atención sempre, porque independentemente de calquera outra cousa, o drama humano é un tema universal. Se decidín ambientar a novela no pasado e nunha sociedade alonxada da nosa non foi tanto por unha cuestión histórica como humana. -¿Como se sitúa na posición desas dúas mulleres? -Intentei documentarme moito, claro. Coma o tema interesoume hai moito tempo, teño lido moitos libros e mirado documentais e películas. -¿Exculpa a Eva Braun e a Magda Goebbels? -Na novela non se intenta buscar culpables, senón recoller os momentos dramáticos das persoas, recordar que en situacións límite o ser humano é capaz dos maiores males e tamén de facer o ben. -¿Por que o fai a través das mulleres dos dous máximos responsables do nazismo? -Quería aportar a visión feminina dunha situación como aquela, porque todo canto vin e lín está contado e mirado dende unha óptica masculina. Máis que o acontecemento interesábanme as pequenas cousas que afectan ao ser hunmano. E como muller quería chegar a entender por que estas dúas mulleres puideron vivir e sobrelevar a vida de parella con homes coma os que tiñan. Sentía moita curiosidade e seducíame a indagación sobre a personalidade humana. Por iso é una novela, antes que nada, psicolóxica. -A orixinalidade do tema foi valorada polo xurado ao elixir a súa novela para o premio. ¿Pensa que tamén atraerá a máis lectores? -É posible que o tema logre achegar á novela a máis persoas, porque todo canto ten que ver co nazismo interésalle a moita xente. O certo é que a crítica ten salientado a perspectiva orixinal dende a que está narrada a historia. -¿Sairá asiña unha segunda novela súa? -Teño un proxecto en marcha para outra novela, pero vouno tomar con calma. Non quero precipitarme, e menos despois da boa recepción desta primera novela, mesmo por unha cuestión de responsabilidade. Tres meses despois do premio estou aterrando, porque nin nos mellores soños pensaba que me ía sair así. Sempre me gustou escribir, escribín sempre e vouno seguir facendo. Se ademais atopo boa acollida nunha editorial e público, mellor. -¿Tiña intentado publicar sen éxito antes de acadar este premio? -Non, pero sen dúbida un premio abre moitas portas e despexa camiños que non é doado traspasar ou chegar a percorrer.