O FIADEIRO | O |
06 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.HAI UN tipo de libros colectivos nos que se xuntan traballos misceláneos. É o caso das obras de homenaxe que adoitan ver a luz co gallo das xubilacións ou falecementos de profesores, cando os seus compañeiros docentes ou discípulos publican contribucións varias, engrosando ese volume de recoñecemento e agarimo. Xa comentamos aquí (21-4-2002) a aparición de Entre nós. Estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo (2001), publicado pola USC. Boa idea. Cúmprense agora cinco anos da tráxica desaparición deste historiador nas augas de Touriñán (13-3-1999). Ó profesor, amigo e veciño engulírao o mar na Costa da Morte. E non nolo devolveu. Neste 2004 de celebracións xacobeas quero lembrar que nese grande libro na honra de Pose Antelo, achamos unha restra de estudos dedicados á cidade de Santiago. Velaquí algunhas achegas: o templo do Castiñeiriño, a Confraría do Rosario nos ss. XVI-XVII, a Biblioteca universitaria, a Sociedade Económica de Amigos do País, o colexio de xordomudos e cegos, a USC na Guerra Civil, o clero na difusión do liberalismo, a firma compostelá «Pérez Santamarina», o sanatorio de Conxo, folgas en 1920, a biografía de Manuel Maroño, a estructura socioprofesional compostelá...