Dignidade

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

21 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

INDA QUE na Fundación Castelao temos o noso modesto local na compostelá Rúa do Hórreo, sempre, arredor do 30 de xaneiro -data do nacemento do irmán Daniel-, facemos asamblea xeral no Pazo de Martelo, en boa sintonía co Concello de Rianxo. A sede pequechiña desta entidade galeguista que, como Fundación, quere gardar e espallar a memoria do Castelao poliédrico e enteiro -artista, escritor, pai do nacionalismo galego contemporáneo, humanista, político-, tamén pode reflectir as eivas non superadas deste noso país. O gran Castelao merece na súa honra polo menos todo un edificio nalgún lugar de Galicia (Rianxo, Pontevedra, Compostela...). Aquí, en Santiago, teñen agora sedes ben dignas, por exemplo, Eugenio Granell e Gonzalo Torrente Ballester. No veciño Padrón, Rosalía de Castro e Camilo J. Cela. Mais Castelao, tal vez continuando coas penurias que tivera en vida, segue sen ter esa Casa-Museo que garde e espalle os valores do seu maxisterio cívico, da súa vida e obra, da súa entrega. Ideas así enchen os degaros desta Fundación, que quere vencer todos os atrancos para que, por dignidade, a súa casa rianxeira se converta na Casa-Museo de Castelao, agarimada polos galegos de ben. E así ha ser.