En directo O proxecto de Internet aínda está na primeira fase, pero cando estea totalmente operativa incluirá puntos dixitais nas tabernas con acceso libre para os veciños
13 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.A presentación en sociedade do portal interactivo e multimedia Infobrion.com reuniu o xoves á noite na Casa da Cultura brionesa a personalidades da vida pública, política, empresarial e veciñal deste municipio da comarca compostelá, que foi escollido pola Universidade de Santiago para acollerse ó Plan Nacional de Investigación sobre as novas tecnoloxías da comunicación. Pero Infobrion.com, como proxecto pioneiro, vai máis alá que calquera páxina web de servicios e información en Internet. De feito, tal como explicou o seu director, Carlos Ferrás Sexto, «aínda estamos na fase inicial da posta en marcha da páxina web». Nunha segunda fase, moito máis ambiciosa desde o punto de vista tecnolóxico, levarase Internet a tódolos núcleos do municipio mediante a creación dunha rede de puntos dixitais por todo o concello, como explicou Ferrás Sexto, de maneira que calquera persoa poida ultilizar os seus servizos, sobre todo a través de terminais nas tabernas ou bares de Brión. O obxectivo final desta iniciativa é conseguir que os veciños se conecten a Internet eles mesmos. Xosé Luis García García, o alcalde, calificou o acto de algo moi especial é bonito para a xente do contorno. E non lle faltaba razón, por canto unha parte importante da historia do municipio, as súas xentes máis singulares e as enormes posibilidades da rede para transmitir información do seu territorio teñen cábida no portal Infobrion.com. A presentación contou coa presencia dun dos veciños máis ilustres que ten o concello de Brión, o profesor, xornalista e director da editorial Galaxia Víctor Freixanes, que se congratulou do proxecto. Sinalou: «Non somos aínda conscentes desta nova era das comunicacións que estamos vivindo, e deberiamos preparar ós nosos fillos». Infobrion.com ten, entre outras, a virtude de ser un portal interactivo feito en galego que quere contribuír ó desenvolvemento sostible do municipio. Ten tres módulos: Brión Folk Project, un arquivo sonoro e de imaxes para revalorizar a cultura; CiberEducación, para promove-lo uso das novas tecnoloxías da información; e por último, o denominado Inmersión na Sociedade, para que tódolos veciños poidan acceder ao emprego destas novas tecnoloxías. O traballo da Universidade compostelá e o Concello de Brión resulta sorprendente: Víctor Freixanes falando da cidade dende o xardín; Elisardo Rivas, das augas ferras de Soigrexa que abren o apetito; o músico e constructor de instrumentos tradicionais Francisco Luengo ou Chucho Rey, presidente do C.F. Brión, así como Felicidad Vázquez, de Casa Filiberto, compartindo as súas vivencias.