O FIADEIRO | O |
17 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.AVIOUGA É o nome dun río e dun val, nos lindeiros de Asturias e Galicia. Un regacho próximo a Ibias que vai desaugar no Navia. E Aviouga chámase o traballo discográfico de Pepe Vaamonde Grupo, que foi presentado, gratamente acollido pola crítica e mesmo galardoado no 2003. Houbo quen escribiu que Aviouga naceu do namoro entre a auga e o pentagrama, que os seus temas musicais convidan a unha relación acuosa, ó mergullo no son e na auga. As doce fermosas pezas do cedé foron editadas en Barcelona por Dismedi, e nelas mestúranse os sons de Xesús Vidal, Pepe Vaamonde, Nacho Tobío, Pipo Alvariño e Andrés Vilán. Todos músicos mozos e bos, que acadan unha harmónica explosión de folk cos seus baixos, gaitas, frautas, acordeón, guitarras, piano, percusión... A banda abre o repertorio con San Froilán , preludio dun conxunto melódico con atractivo dabondo. Para escoitarmos completo. Pepe Vaamonde pasou das artes do gaiteiro solista a artellar este grupo ben ensamblado. E aquí toca o pontevedrés Modesto ou Pipo Alvariño, compañeiro profesor de Música no IES Terra do Xallas, onde tamén, como actividade paraescolar, lles aprende a tocar instrumentos ós alumnos de Santa Comba.