O compostelán Rubén Ramos gaña o Premio Auditorio para Xoves Artistas

La Voz C. P. | SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A obra pola que se decidiu o xurado desta terceira edición é un traballo fotográfico Suso Fandiño, tamén de Santiago, mereceu un dos catro accésits por unha videocreación

25 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O Premio Auditorio de Galicia para Xoves Artistas foi para unha obra fotográfica e para un creador compostelán, Rubén Ramos Balsa, de 25 anos, autor do díptico Tus lunares en mi cara , que recibiu os 6.000 euros do máximo galardón. O 2003 é o ano deste licenciado en Belas Artes en Pontevedra, porque xa gañou o premio de fotografía Purificación García . O xurado desta terceira edición do certame de artes plásticas fixo públicos tamén os catro accésits previstos na convocatoria, dotados con 1.200 euros cada un. Recaeron en Suso Fandiño, que tamén é compostelán, pola animación dixitalizada An Oak ; Amaya González (Pontevedra, 1979), polo vídeo Binomio ; Iván Priero (O Barco de Valdeorras, 1978), por unha instalación escultórica titulada E de cando en vez aínda pretendíamola elocuencia ; e Diego Santomé (Vigo, 1966), por unha fotografía, Mímesis . Os premios fixéronse públicos nun acto que convocou á maioría dos 47 artistas finalistas que optaban ós galardóns. A espectación e os nervios amainaron no groso da sala ó mesmo ritmo que os agraciados e os amigos e familiares presentes liberaban adrenalina celebrando a súa sorte. Pero todos comparten o mesmo recoñecemento de formar parte da exposición das obras seleccionadas e do catálogo editado polo Auditorio, un paso importante na dura e competitiva traxectoria artística na que se inician. A tónica das obras seleccionadas é a mestizaxe ou o tránsito entre xéneros, estilos e tendencias da arte contemporánea. Hai algunha pintura e escultura dentro do concepto clásico e tradicional, pero tamén están as instalacións e montaxes que se presentan en vídeo, fotografía ou instalacións que polas formas, materiais e mesmo pola presentación son difíciles de clasificar. Con todo, as propostas son amplas. Confírmase na corta traxectoria do certame compostelá, que na primeira edición premiou unha montaxe escultórica, na segunda un vídeo e agora unha fotografía. A partir deste ano o premio será bianual, alternándose co de composición musical.