O MOGARÓN | O |
31 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.A POLÍTICA, sendo moi prosaicos e limitándonos ó que os políticos din que fan o van facer por nós, pódese interpretar como quen ve unha botella medio baleira ou para quen está medio chea. Todos teñen razón, e o que aínda confunde máis, todos teñen argumentos para xustificar posicións, propostas ou iniciativas antagónicas. Pero todos minten ou din medias verdades. Podía empezar lembrando a liña de autobuses con Sigüeiro que lle prometeron os veciños deste concello, con independencia de que pertenzan á parte que é de Santiago ou á que é de Oroso, e seguir coa pregunta que sen dúbida se fan moitos composteláns en relación co que costa o tratamento dos resíduos sólidos urbanos se se opta polo compostaxe ou pola incineración en Sogama. O lixo desprende sempre malos olores, e neste caso non arrecende precisamente a frescura das posicións, porque o problema, máis ca de cartos ou mesmo de racionalidade ecolóxica, parece cousa de comenencia política. Os cidadáns, e electores, somos vulnerables, pero non é cousa de facernos sentir coma follas que move o vento, porque dependendo de por onde sople, o montón pódese xuntar do lado menos pensado.