A Filharmonía interpreta a Brahms para abrir a temporada do Auditorio

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

ÁLVARO BALLESTEROS

O director titular da orquestra, Antoni Ros Marbá, dirixe este primeiro concerto A oferta musical ate xuño é variada e rica en contidos e a cargo de intérpretes de calidade

21 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A Real Filharmonía inaugura mañá a temporada de abono do Auditorio de Galicia. O director titular da orquestra residente en Compostela, Antoni Ros Marbá, elexiu para a apertura un programa con tres obras de Johannes Brahms que son novidade no repertorio da Filharmonía. O concerto ábrese coa obertura Tráxica , estreada en Berlín en decembro de 1880 e interpretada sete veces ó longo de 1881 baixo a dirección do propio Brahms. A segunda obra do programa é Variacións sobre un tema de Haydn , composición que non foi editada ate que a estreou a Filarmónica de Viena e baixo a dirección do mesmo Brahms. Ros Marbá elexiu para pechar a Sinfonía nº 2, unha partitura monumental que Brahms compuxo en só catro meses, entre xuño e outubro de 1877, e que foi estreada o 30 de decembro dese mesmo ano pola Filarmónica de Viena e Kart Richter cun grande éxito. As perlas Os afeccionados á música teñen citas importantes case cada xoves. Pero á marxe de que o conxunto do programa ten un innegable interés musical, a Real Filharmonía vai ofrecer algúns concertos tan singulares coma o que, malia a non ter ningún título, debería identificarse dalgún xeito coa muller, porque está dirixido por Melanie Thiebaut, intervirán como solistas a violonchelista Sonia Beltrán e a pianista Alba Ventura e as catro obras que interpretarán son das compositoras Mariana Martínez, Clara Schumann, Sofía Gubaidulina e Zulema de la Cruz. Será o 5 de febreiro. Non resulta menos atraínte a presencia de formacións de música barroca coma I Fagiolini, integrada só por voces; Ars Combinatoria e Il Giardino Armonico. Se é cousa de escoller, non falta un recital de violín e piano a cargo de dous importantes solistas como Julian Rachlin e Itamar Golan, nin coros coma os da Sinfónica e o do Palau de Barcelona arroupando ás orquestras Sinfónica e Filharmonía de Galicia.