Cultura para o día a día

AMADA ALVES

SANTIAGO

TIRALÍNEAS | O |

17 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NON CADRAN as cousas. Santiago vaise converter no 2004 nun referente para viaxeiros con moi diferentes propósitos, malia que o principal é a celebración dun novo Ano Santo. Nese sentido non hai nada que lle apoñer a que parroquias e colectivos varios organicen excursións a pé ou en autobús. E que na cidade se reforce a oferta lúdica e cultural. O que non me cadra é o invento do Xacobeo, que naceu ó amparo do Ano Santo para promocionar Santiago e Galicia con fins turísticos moi por riba do apoio á tradición cultural das rutas de peregrinación. Non me parece ben que invistan tantos millóns de euros como se barrunta nunha programación fantástica en oferta de estrelas, oportunidades únicas, saldos de ocasión e eventos ó sacaire das vantaxes fiscais que van ter os patrocinadores. Pregúntome se os beneficios que ó parecer vai obter o sector relacionado co turismo requiren semellante implicación da Xunta, e se o país non precisa deste esforzo inversor e de captación de diñeiro privado ano a ano para promocionalo a nivel cultural e turístico. A cultura faise día a día en ámbitos nos que, sen descartar, nin moito menos, a festa, sobra o intervencionismo e falta impulso e promoción de proxectos e propostas reais.