El cronómetro | Pablo Sánchez e Carlos Sante Os dous actores desembarcan esta noite na Sala Nasa co seu espectáculo «Muñequitous», unha parodia cómica sobre os documentais da natureza
15 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Os coruñeses Pablo Sánchez e Carlos Sante levan traballando no mundo do teatro desde que eran uns rapaces, hai dezasete anos. Foi no ano 2000 cando decidiron acometer como San&San o seu primeiro espectáculo, Concerto bífido , unha proposta xestual coa que gañaron o primeiro premio do Festiclown. Despois farían outro na misma líña xestual, como o seu terceiro, este Muñequitous que presentan hoxe na Nasa pero no que fan uso dun «inglés perralleiro». -¿O voso é máis ben un teatro de clown ou un teatro do xesto? -Góstanos moito o xesto pero bebemos un pouco de todas as fontes. Usamos a palabra, a música, e neste caso tamén unha pantalla para proxectar en directo un documental. Eu creo que tiramos moito ó clown, pero tampouco o somos exclusivamente. Eu diría que somos cómicos, a palabra que mellor nos define. -«Mouñequitous» é «unha parodia cómica do mundo dos grandes documentais da natureza». ¿Que teñen contra ese mundo ecolóxico? -Temos a favor. Unha parodia non ten porque desprestixiar, é simplemente un punto de partida para facer comedia. Non estamos ridiculizando nada senón facendo algo divertido. Máis ben é unha homenaxe que disfrutamos facendo. É un xogo de nenos no que mostramos en directo dúas realidades: a de escena e o mundo oculto que se emite en directo. -¿A participación do público está asegurada? -Trátase dun espectáculo que conta con improvisación, sen un guión textual, pero cun explorador australiano de orixe galega e o seu compañeiro traductor que, absurdamente, non se entenden.