Carmiña

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

20 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

PODE QUE ó longo do 2004 lembremos a figura do escritor Xulián M. Magariños (1904-1934), no ano do seu centenario. Mais a súa viúva, Carmen Negreira Tomé (1909-2003), xa non vivirá estes eventos, porque finou nas Canarias o pasado 2 de agosto, con 94 anos. Carmen ou Carmiña Negreira ten sido un personaxe singular na historia da vila do Cotón, durante case todo o século XX. Sempre gardou a memoria e a biblioteca do seu home, do que fora moza e dona ata que a morte ceda do avogado e galeguista a deixara cun fillo pequecho, no verán do 34. A Carreira de San Mauro non é a mesma sen tantas cousas do pasado. Tampouco sen a presencia de Carmiña Negreira, da Carmiña de Bouta que arregraba a capela, que rezaba axeonllaba no seu reclinatorio, baixo a imaxe de San Antonio de Padua. A Carmiña rebuldeira do ir e vir pola rúa, da charla cos veciños. Con Magariños coñeceu ás xentes do Seminario de Estudos Galegos. A Martínez López, a Luis Tobío, a Filgueira Valverde, Bouza Brey, Cabanillas, Felipe F. Armesto... Xa non volveremos escoitala polo teléfono dende Las Palmas, sempre atenta ó acontecer local. As honras ó escritor tamén serán para ela, compañeira fiel.