Medio centenar de mozos de Brión introdúcense no eido da equitación

Emilio Forján BRIÓN

SANTIAGO

XOÁN A, SOLER

18 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Preludio do que será esta fin de semana a vixésimo primeira edición da popular Festa do Cabalo de Brión, nas dúas últimas semanas veuse celebrando nas instalacións de Hípica Boullón, e por séptimo ano consecutivo, un curso de introducción ó mundo dos cabalos e a equitación, con medio centenar de xóvenes participantes, a cifra máis alta nos últimos sete anos. Os cursos levados a cabo polas tardes «teñen cada ano máis aceptación entre a xente nova polo que xa son 180 os rapaces que pasaron polos cursos da festa», sinala Manuel Fernández, presidente de Amigos do Cabalo de Brión. En canto á festa en sí, a exaltación cabalar celebrarase por cuarto ano consecutivo no recinto equino dos montes de Rañalonga. Este ano unha das novidades é que «haberá máis zonas de aparcamento para os coches, xa que era unha das demandas que nos facía a xente desde que a festa se celebra en Rañalonga», según anunciou Manuel Fernández. O programa de actividades abrirase mañá ás cinco da tarde cunha exhibición canina. Logo virán as probas de salto de obstáculos, xincana hípica, carreira de burros, monta de cabalos bravos, e por último, o xa clásico peche de vaquillas con trofeo o mellor toureiro. O domingo, o día grande, a organización repartirá 3.400 euros en premios. A partir das nove da mañá abrirase a feira, e dende as once haberá probas de salto de obstáculos e o concurso de arrastre. Ás cinco da tarde desenvolverase a proba de salto de potencia, previa á recta final da festa, que chega coas carreiras. Dende as seis chegarán as carreiras de cabalos do país, cruce do pais, cruzados e os pura sangue, con 300 euros para o gañador desta última proba.