A quenda dos vellos roteiros

Marta de Sinllán SANTIAGO

SANTIAGO

Reportaxe | Itinerarios rescatados do esquecemento O Concello amiense pon en marcha a Ruta da Auga de Riamonte, un sendeiro circular de sete quilómetros ateigado de fervenzas no medio dun bosque de ribeira

18 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?ai un ano só eran paredes alombadas, cubertas, como dixo Cabanillas, pola follaxe espesa das silvas e das edras. Hoxe, son de novo o que outrora: muíños ergueitos á beira do regato de Riamonte. E é que concello de Ames estrea un itinerario que tenta recuperar parte da súa memoria histórica. Sete quilómetros para percorrer a pé en case dúas horas e media é a camiñada que se lle propón aos viandantes. A dificultade é tan só media e durante o paseo pódese ver a riqueza paisaxística da zona, saltar pozas e fervenzas, observar o voo dun miñato ou o movemento fugaz dunha donicela. O concelleiro de Medio Ambiente, Francisco Carracedo, e o técnico local de emprego, Juan Carlos Carreja, pensan que paga a pena. O primeiro non deixa de agradecer a colaboración dos habitantes do lugar na restauración dos muíños; o segundo cavila na maneira de darlles un uso público e facer posible que onde antes xirou o rodicio agora os máis mozos se poidan achegar aos encantos da natureza. Sen embargo, o mellor guía para percorrer estes roteiros esquecidos que volven á vida é Maximino Viaño. O que fora presidente de Ternera Gallega aínda lembra cando polas corredoiras de Vilar pasaban os carros e a herba seca quedaba enguedellada nos toxos. Hoxe a corredoira volve estar limpa de broza, lista para que ao longo de cincocentos metros os aventureiros reparen nos dez muíños de regato feitos con tella do país e paredados de mampostería. Dinamizar o contorno Maximino gusta de pisar no trimiñado, o chan dos muíños da infancia. «Temos que dinamizar o noso contorno dende unha perspectiva de desenvolvemento sostible», afirma. Maximino pensa no futuro pero quere recuperar os valores soterrados e sabe que, con iniciativas coma esta, volve outra vez a quenda que que ha de levar ás novas xeracións polos vellos roteiros.