A XESTA | O |
04 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A ASOCIACIÓN de Prateiros de Santiago representa a un sector de raizame na cidade. O ronsel tradicional da orfebrería pervive en ducias de escaparates que os turistas ollan ávidos de atopar a simboloxía herdada dos séculos. O malo para o expendedor de turno é que, a miudo, lle rematarán levando unha futesa de vinte pesos. Máis dun orfebre quéixase de que nas tendas entra moito mochileiro, pero os tempos tampouco invitan a enchouparse en artículos de altos vóos. Pese a todo, hai compradores da calidade, xente que aprecia o valor da artesanía autóctona e ilumina os ollos dos prateiros. O próximo ano santo pode colmar expectativas. Hai ilusión. E hai ganas de exhibir o selo da producción propia. Corredores de fondo como Eloi e Ricardo andan a voltas para montar unha exposición que poña nos andeis unha extensa mostra representativa do traballo susceptible de acudir ás vitrinas máis exixentes. Loabilísimo afán. O que non entendo é como, esbarando grosas pingas de suor por algunas frontes, dun sector de douscentos profesionais só menos de medio cento sexa solidario coa causa asociativa. Todos se benefician.