Os nenos estarán unha hora no autobús

La Voz

SANTIAGO

A parroquia de Marzoa atópase situada nunha extrema do Concello de Oroso onde limita xa cos municipios de Ordes e Frade. Os pais dos alumnos denuncian que a partir do vindeiro curso, os rapaces, de idades comprendidas entre os tres e os cinco anos, terán que desprazarse ata Sigüeiro. Os pais cren que «os alumnos de curta idade están mellor no seu ambiente natural e escolar máis achegado». En total, son quince os quilómetros que separan as dúas localidades, pero os pais consideran que o traxecto real é de preto de 25 quilómetros debido «ás voltas que ten que dar o autobús no seu percorrido». A situación agravaríase polo feito de que o tempo de transporte achégase a unha hora e isto, a xuízo do vecindario, «afecta negativamente tanto á súa saúde física como psíquica, aparte de non existir persoa ningunha no autobús que se ocupe do seu coidado e seguridade». A decisión do organismo autonómico causou estrañeza entre os veciños de Marzoa xa que aínda hai pouco tempo que o Concello de Oroso realizou obras no interior do edificio. Hai 2 anos, as protestas dos veciños por un grave atropelo sufrido por unha nena na proximidade do recinto fixeron que a Deputación sinalara a zona con indicadores e un paso de peóns. A unitaria de Marzoa vén funcionando como centro de ensino dende hai preto de medio século. Nos anos sesenta chegou a haber dúas escolas ás que acudían máis de sesenta rapaces da parroquia. O endémico envellecemento do rural fixo que moitas destes recintos foran quedando abandoados. Outras escolas da comarca, como o caso de Vilamaior en Ordes, figuran na relación de centros que a Consellería ten previsto pechar.