Muiñeira

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

07 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

SE NON FOSE pola nova edición do Día da Muiñeira e por un partido de fútbol, non se notaría este ano en Negreira a celebración do Día das Letras Galegas. Mentres chovía e no estadio de Pedra Mámoa se xogaba un encontro dos veteranos locais fronte ós portugueses de Serzedo -cos que estamos irmandados-, no polideportivo ateigado de xente soaban as muiñeiras e as melodías da banda Ateneo Musical, dirixida por Pablo Mato. E soaban ben. Temos que darlle o mérito á sociedade folclórica Veiga do Cotón, porque ano tras ano achega á vila unha chea de grupos que danzan a música ancestral de Galicia. Gañaron o concurso os de Cacheiras (Teo), Betanzos e A Coruña, pero iso é o de menos. O propio Manolo Figueira, constante animador desa entidade, dicía pola megafonía: «estamos a celebrar o 17 de maio, no que recordamos a figura de Antón Avilés de Taramancos, a través deste Día da Muiñeira, desta mostra da nosa música tradicional». E é verdade: o folclore con faciana de baile, nun día de honra para o poeta noiés e noso idioma vernáculo. O lucir do traxe e da muiñeira xunta nenos e mocidade en moitos lugares do país, en actos que cimbran coloristas e festeiros. Tamén en Negreira.