O estudio que se leva a cabo no Pórtico da Gloria por encargo da Dirección Xeral de Patrimonio, e previo acordo do Consello de Fábrica da Catedral, púxose en marcha en decembro do 2002 e durará un ano para poder elaborar o informe definitivo. García de Miguel, que á súa formación científica e técnica une o ser vicepresidente de Icomos, o consello internacional que asesora e vela pola conservación de monumentos e lugares históricos, aclara que necesitan tanto tempo porque teñen que realizar probas nas distintas estacións do ano para poder avaliar como lle afectan os cambios climáticos e a evolución. A tenor dunha experiencia de dezasete monumentos tratados en diversos lugares noutros tantos anos, García de Miguel di que o Portico non está máis enfermo ca outros monumentos, pero que polo valor tan grande que ten impóñense medidas de seguimento e control. De Miguel destaca que a ventaxe do Pórtico da Gloria, e en xeral de todos os de Galicia, é a calidade da pedra, e sobre todo a perfección coa que se fixo este conxunto. Lamenta que a comenzos do século XX se imprimiran as columnas cunha mistura de cera e xofre coa intención de protexelas. Foi un erro que se cometeu en máis sitios. O problema é que tapa os poros da pedra e non lle deixa transpirar, polo que a humidade busca outras vías de saída.