Pianista

La Voz

SANTIAGO

O FIADEIRO X. AMANCIO LIÑARESGIRAUT | O |

24 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NON ESCRIBIMOS hoxe sobre o músico polonés Wladyslaw Szpilman, nin sobre a novela O pianista do gueto de Varsovia , nin a propósito da película homónima, dirixida por Roman Polanski, e con tanto éxito. Referímonos a Jesús Magariños Leis, un home nado en Negreira en 1922, que botou a vida como pianista en moitas salas de concertos e centros de ensino musical de Europa. Empezara na casa e no Conservatorio santiagués. A partir de 1953 tocou no espectáculo da célebre Josephine Baker. Actuou en escenarios de Xenebra, Laussane, Zürich, en moitas cidades de Francia e Alemaña. Na capital suíza dirixiu unha escola de música con case catrocentos alumnos. Conduciu programas de radio en Madrid ( Ritmos al piano , en RNE), en Hamburgo, na emisora holandesa Hilversum. Corenta anos na profesión. É intérprete máis que compositor. Ama con fondura a música clásica. Aprendeulle piano tamén a fillos de emigrantes galegos en Berna. Aprecia a música das bandas, o folclore, a audición de grandes orquestras. Case un melómano. Non gusta dos ditirambos, pero cumpre non esquecer os moitos méritos de Suso Magariños e da súa dona -ourensá- e tamén pianista. Moitos azos para estes dous amantes e cultivadores da estética do piano.