Seis museos composteláns abren vías de traballo en común

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A oferta cultural que concentran é das máis relevantes da cidade Os responsables destes centros fan propostas conxuntas para rendabilizar o seu potencial

20 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Co gallo da celebración do Día Mundial dos Museos, os responsables de seis espacios museísticos composteláns fixeron pública a súa intención de traballar conxuntamente para abordar as distintas problemáticas e potenciar medidas que redunden en beneficio dun maior número de visitantes. No encontro participaron a directora da Fundación Granell, Natalia Fernández; o do Museo da Catedral, Alejandro Barral; o das Peregrinacións, Bieito Pérez; o do CGAC, Miguel Fernández-Cid; a secretaria do Museo do Pobo, María Xosé Fernández; a conservadora do Museo de Terra Santa, Esperanza Gigirei; e Thais de Picaza en representación dos Amigos do CGAC, e por estensión os de tódolos museos, ós que se dedicou este ano o Día Mundial dos Museos. A comparecencia celebrada na Fundación Granell é o resultado dunha primeira reunión que pon de manifesto a coincidencia de intereses de centros con perfiles tan distintos cos obxectivos expresados polos responsables municipais á hora de promocionar Compostela como unha cidade de turismo cultural. Polo momento non hai propostas definitivas, pero si avances do que se podería facer unindo esforzos, porque como suliñou Pérez Outeiriño, «temos un potencial cultural que se ignora bastante desde tódalas instancias con capacidade para que se explote e se rendabilice». Nese sentido, o director do CGAC insistiu na importancia de reunirense máis veces para chegar a propostas conxuntas e presentalas dese xeito ás institucións para que se teñan en conta. Todos están dacordo na importancia de establecer un circuíto, de coordinarse en cuestión de horarios, aínda que a ampliación non depende tanto de querer facelo como de contar cos medios necesarios, e de poñer en marcha medidas como que cando centro informe dos outros ou incluso de chegar a unha guía básica común. Un froito deste primeiro paso de posta en común poden ser unhas xornadas. Thais de Picaza apelou a un maior compromiso e colaboración cos centros museísticos e coa cultura das empresas e da sociedade civil en xeral.