Xiradela

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

17 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

CHORIMA, de Dices-Rois; Cantigas e Agarimos, de Santiago; Garanduxas, da Ponte Vella de Reis-Teo; Santiaguiños, de Boimorto; Arreixeira, de Iria-Padrón... Son os nomes dalgúns dos grupos de pandeireteiras que participaron no IV Concurso de Música Tradicional Xiradela 2003. Era o Domingo de Ramos, e con eles estivemos no Centro Cívico Cultural de Arteixo. Un baño de música con raíces fondas e xente nova. Riqueza e porvir. Foi toda unha xornada dedicada ás voces mesturadas co son das pandeiretas, das cunchas, das gaitas, caixas e bombos. Tamén bailes e requintadas vestimentas, honrando ó noso folclore. Participaron 66 grupos. Todos co inconfundible sabor e prestancia de Galicia. E non resulta doada a organización dun evento así, tan numeroso, tan intenso. Por iso o mérito é para a mocidade que se xunta na Asociación Xuvenil Xiradela, que dende Arteixo compasou todo con mestría e bo facer. Que ben. Bergando, de Negreira; Trebellos, do Val do Dubra; Vesadiña, de Luou-Teo; Pena Maior, de Santiago; Trovisqueiros, de Aríns... Ben se ve que nos últimos anos rexurdiu no país esta modalidade folclórica, recuperando tantas coplas, sons, ritmos ancestrais. E nosos.