Compostelán de San Roque

SANTIAGO

TRIBUNA | O |

12 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ESCRIBO desde a dolorosa esgazadura que se produce cando un dos nosos próximos vaise cun adeus silente e definitivo. Evaristo Nogueira era un antigo e entrañable amigo. Dicíame que se sentía primeiro lugar veciño de San Roque, logo compostelán, galego, español... Neste complexo mundo onde o tema das identidades aparece tan notoriamente e moitas veces de forma excluínte, Evaristo convivía con todas. Nas fronteiras de cada unha estaba a tolerancia, a humanidade, a cordura. Sentíase sobre todo veciño dun barrio que aínda conserva a súa forma de ser e de estar. As sombras e luces dos seus monumentos e do seu casarío convérteno nunha das partes máis belas da cidade histórica, que de por vida significa ós alí nacidos. Compostelán dunha peza, non nostálxico do Santiago levítico, inmutable, senón da cidade resultado dunha mestura do que xa somos pero cun pe colocado no que debemos ser. Vivía e ilusionábase coa cotidianeidade das rúas, dos amigos, do Compos, pero tamén vibraba coa cidade do patrimonio mundial e a capital galega e europea que el, como profesional e como decano do seu Colexio, contribuíu a construír. Fixemos xuntos máis dunha viaxe para negociar e conseguir obxectivos para a nosa cidade, e mesmo aparecemos de forma inopinada nunha audiencia da Fundación Hispano-Alemana na Zarzuela, que aproveitamos para propoñerlle ó Rei unha reunión do Real Patronato. Galego de lingua e de sentimento, convencido militante sen partido dun amor por Galicia. que practicaba e nos transmitía a todos. Na nosa casa común hai hoxe unha habitación triste e baldeira.