«Os dalís de Dalí» visitan Compostela

La Voz C. P. |SANTIAGO

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

A Fundación Caixa Galicia inaugurou na sede da rúa do Vilar a mostra composta por cincuenta obras A montaxe reúne os cadros que o xenio de Figueres gardou para si

08 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A sede da Fundación Caixa Galicia ofrece dende onte e ata o 8 de xuño unha exposición que a dicir da comisaria, Ana Beristain, é moi improbable que se volva repetir pola inseguridade e os altos costes dos seguros tralos atentado do 11-S: Os dalís de Dalí, unha escolla de cincuenta cadros e bocetos que o artista de Figueres (1904-1989) gardou para si, non se sabe con que criterio nin a razón pola que nunca quixo vendelos. A exposición é un percorrido por un Dalí pouco ou nada coñecido, cálida e ata íntimo, porque son cadros que ademais de describir a súa evolución artística e vital amosan as constantes que sempre aparecen nas súas obras: as rochas do Ampurdán e os perfís da costa de Port Lligat, os reloxios brandos, o cipreses, cisnes e ás que aluden a deusa Leda, reminiscencias dos clásicos, Velázquez e Vermeer, e Gala, musa e obsesión de Dalí ata a súa morte. A exposición, que empeza na pranta baixa da Casa do Pozo coas obras de xuventude do pintor, remata na segunda pranta cos últimos cadros que pintou. Amosan, como explicou a comisaria da montaxe, que están feitos por un home ancián e enfermo, pero sobre todo a súa loita pola vida que sinte que se lle vai e que lle fai recuperar a presencia dalguén tan querido para el coma Ramón Pitxot, co que descubriu o impresionismo co que arranca a súa experiencia artística. O retratro que Dalí lle fixo en 1925 á súa irmá Ana María, a súa musa ata que Gala aparece na súa vida en 1929, é, ademais da obra elixida para o cartel e o catálogo da exposición, unha das máis fermosas do conxunto, no que sen dúbida son tamén relevantes as que protagoniza Gala, que se mostran cos bocetos previos e fotos que permiten entender mellor a este irrepetible artista.