O candidato socialista contestou ás preguntas dos internautas en lavozdegalicia.com Defendeu que se potencie Lavacolla como aeroporto central de Galicia sen pechar os demais
02 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O candidato socialista á alcaldía de Santiago repasou cos internautas asuntos relacionados coa vida política, cultural, económica e social de Compostela e contestou ás preguntas máis polémicas. -¿Como valora o papel do BNG no Concello? ¿Repetiría o pacto? -Os nacionalistas fixeron un bo papel neste mandato, e teño que salientar a colaboración de Encarna Otero. Dos próximos catro anos, direi que vexo con preocupación a política que seguen os representantes do BNG de marcar diferencias coa maioría do goberno municipal e algúns compromisos que son contradictorios coa política dos últimos anos. Como exemplo, a promesa de construir un aparcamento na Praza de Abastos. -¿Ten algún compromiso co presidente da Xunta para que Santiago leve a basura a Sogama? -A día de hoxe, non. -¿Non está pecando de electoralista coas últimas obras? -Non imos deixar de facer obras porque haxa eleccións. -¿Van crear máis prazas de aparcamento para os residentes do casco histórico? -A nosa política agora consiste en crear unha rede perimetral de párkings arredor da améndoa . En total, haberá máis de 3.000 prazas. -¿Sairá adiante o proxecto do metro lixeiro? -Contémplase no proxecto 2003-2013, pero é caro (132 millóns de euros) e de difícil encaixe. -¿Cando se unirá a estación de tren e a de autobuses? -No 2008 funcionará a estación do Ave, e vinculado a ela a estación intermodal, na que estarán integrados o automóvil, o tren e o autobús. -¿Por que non pide que se pechen os aeroportos de Vigo e A Coruña? -Non creo que nós debamos pedir o peche de ningún aeroporto, simplemente a aposta por un deles, o que reúna as mellores condicións de comunicacións e posibilidades de crecemento. Doutro xeito, non teña dúbida que o gran aeroporto do Noroeste estará en Oporto. -¿Por que censurou o concerto de Soziedad Alkoholika? -Non pretendo exercer a censura, pero na páxina web dese grupo hai cancións que constitúen un escarnio para as víctimas do terrorismo, e non creo que unhas instalacións públicas deban acoller este tipo de actividade. A befa das víctimas non está amparada pola liberdade de expresión. -¿Que razóns tivo para non permitir a celebración dos premios Max en Santiago? -Iso non é certo. O Concello mantivo o apoio, pero dixemos que non podíamos facernos cargo da subvención retirada pola Xunta. -¿Vai cambiar a actitude do Concello respecto da SD Compostela? -Sempre apoiamos e apoiaremos ó Compostela. Outra cuestión é defender a xestión do seu presidente e moito menos facer recaer sobre os cidadáns as consecuencias da xestión. -¿Como ve o próximo Xacobeo? -Prodúceme moita ilusión. É a oportunidade para prantexarnos un reto baixo o epígrafe Compostela 2004-2010 que suporá un novo salto cualitativo e cuantitativo. Será unha nova oportunidade para Galicia. -¿É vostede o Joan Clos de Santiago? -Ogallá.