A CADEIRA | O |
28 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.EN SANTIAGO chove. A frase ata semella unha redundancia tipo subir enriba ou baixar abaixo. En Santiago arroia, diluvia, caen chuzos de punta e similares. Cando chove en Santa Cruz de Tenerife asuláganse as terrazas e os veciños pensan xa na catástrofe humana ou en emigrar. Pero no arquipélago chove dúas veces ó ano no caso de ser bisiesto. En Santiago chove tódolos días menos dous. A diferencia é notable. Onte choveu en Santiago. Chegouse ós seis litros por metro cuadrado nalgúns momentos da mañá. Como di un compañeiro «o que mexan os rapaces dun colexio nun día». Choveu pero ninguén se asustou. Nunca choveu que non escampara -un refrán que fixo alguén con moita paciencia que ademais vivía en Santiago-. Estamos máis que afeitos a tira-lo paraugas. ¿Ou non? Habería que preguntar ós sumidoiros de Santiago, que onte non deron feito en dúas horas. Habería que preguntar ós que chegaron á rotonda de San Caetano, e se atoparon cunha lagoa onde había un cruce de rúas. Habería que preguntar na estación de autobuses, ou en Área Central. Habería que preguntar para qué estamos preparados nesta cidade.