«É importante saber castigar e recompensar ós fillos»

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO

SANTIAGO

Onte impartiu unha charla na aula sociocultural de Caixa Galicia sobre convivencia familiar, unha tarefa para a que non existen fórmulas máxicas

13 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

?nmarcado no ciclo Aprender para educar , a psicóloga Rosa Álvarez Prada impartiu onte unha charla sobre normas de convivencia na familia, aínda que recoñece que non existe un decálogo de boa conducta. -É difícil de contestar, porque na educación non hai unha solución matemática. O que si compre deixar claro é a relevancia da familia na súa función socializadora, e dar unha serie de pautas ou suxerencias, como a importancia da recompensa e o castigo. -¿É importante o castigo? -É importante saber castigar e recompensar ós fillos. O castigo non é doado nin para o que o dá, nin para o que recibe. Débese acompañar sempre dunha advertencia verbal, para que o rapaz entenda por qué se castiga. E tamén debe haber conductas alternativas que se recompensen. Ademais, a coherencia é fundamental, non se pode rexeitar unha conducta unhas veces e outras non. Un abuso de castigo produce unha baixa autoestima no neno. -Dende hai uns anos, cuestiónase o papel da familia, ¿cada vez hai menos estabilidade? -O modelo de familia actual cambiou, e os rapaces presentan unha serie de carencias afectivas porque non se ven cos pais. Pero o cambio de modelo non ten por qué ser negativo, hai que ver cánto tempo pasamos cos fillos e cómo é ese tempo. -É dicir que hai moito alarmismo. -Se lle pide á familia unha responsabilidade esaxerada. Se o neno sae « bo», todos contribuíron, a familia, a escola..., pero se se « descarría» sempre se lle bota a culpa á familia, e sobre todo á nai.