Foi unha visita puntual e curta a que onte fixeron os Reis a Compostela para inaugurar a Fundación Torrente Ballester, situada ó pé da catedral, no número sete da Rúa do Vilar, no mesmo edificio polo que hai anos se desfilaba para pagarlle a Facenda. Viñeron só para asistir á sinxela cerimonia, na que só os privilexiados escoitaron algunha palabra das súas Maxestades, porque nin sequera traían disposto un discurso. E a chorimiqueira mañá non permitiu que os poucos composteláns que puideron achegarse ó estreito cercado fixado polos encargados da seguridade apreciaran a calidez humana da que fan gala tantas veces don Juan Carlos e dona Sofía. A Rúa do Vilar estaba cortada rebasado o cruce da Travesa do Franco. E tampouco puideron escoitar ós poucos concentrados que lembraron que o problema do Prestige segue aí e berraron con forza Nunca máis ; nin ver á unha espilida comerciante vestida de negro e cunha banda azul cruzándolle o peito como sinal de mágoa e de reivindicación.Onde se demoraron os Reis foi no aperitivo de convite que serviu tralo acto oficial a restauradora Toñi Vicente. Sen cámaras e entre sorrisos, non sei se o Rei optou por un branco galego ou polo tinto rioxano. Departiron cos ilustres e destacados convidados, entre os que bulían uns cantos pequenos, un aínda ía nun carricoche, que non eran outros que os netos de don Gonzalo, vástagos dos seus vástagos, reunidos todos para tan sinalada ocasión.Por alí estaban de animada conversa e dun grupo para outro o gran Saramago, que tivo problemas para se identificar na rúa para acceder á sede da flamante entidade, porque non debía levar enriba o pasaporte. Xa dentro, non parou da saudar e recibir parabéns.Moitos aproveitaron o momento do viño para subir ó piso alto e ver a parte da exposición que recupera a memoria viva de Torrente a través de fotos con persoeiros e intelectuais de medio mundo, e obxectos tan persoais como os seus grosos lentes e a súa máquina de escribir,