Barcala

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT HISTORIADOR E PROFESOR

SANTIAGO

O FIADEIRO

30 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

POR SERMOS unha realidade xeográfica natural, precisamos potenciar a comarca de Barcala como rexión ben definida. Traballo custou que así apareza recollida no Mapa Comarcal da Xunta de Galicia (1997). Barcala -non A Barcala, como lemos ás veces-, conformada polos concellos de Negreira e A Baña, é unha bisbarra pequena (213,5 quilómetros cadrados; 12.173 habitantes, no 1998), pero con personalidade de seu e potencialidades dabondo. Estes dous municipios non poden darse as costas no día a día, nin nos proxectos de futuro. Hai que pular nos servicios comúns e nas entidades comarcais, sentíndose unidos por un río e un val que nos dá nome. Cómpre lograr que a comarca funcione: na economía -agroindustria, comercio-, servicios, equipamentos socio-culturais e turísticos. Cumpre lograr que o conxunto barcalés se converta nunha comarca piloto nos planos do Goberno galego, con organismos que a asenten e desenvolvan. Deberamos ser pioneiros na comarcalización do país, como cando fomos adiantados noutras décadas do século XX. ¿E servirán os fondos europeos do programa Agader para que os barcaleses afondemos nestas liñas de actuación, para que Barcala reviva con máis dinamismo?