A Plataforma de Mulleres decide abrir un debate antes de se constituir

C. Pino SANTIAGO

SANTIAGO

ÁLVARO BALLESTEROS

As promotoras da iniciativa acordaron madurar o proxecto no seo da USC e as súas bases Esperanza Guisán e vinte profesoras e becarias acordaron reunirse de novo na Casa de Europa

11 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A O lanzamento da Plataforma de Mulleres á Universidade de Santiago terá que agardar. As vinteunha profesoras e becarias que acudiron na tarde de onte á Casa de Europa para participar na reunión convocada polas promotoras desta iniciativa, encabezada pola catedrática de Ética Esperanza Guisán, acordaron madurar o proxecto antes de chegar á constitución da Plataforma Campus Stellae , nome que provisoriamente lle puxeron ó que, polo de agora, só é un xérmolo que agroma. As mulleres que acudiron a este primeiro encontro matizaron os termos da proposta dada a coñecer pola profesora Guisán. Queren ir máis aló do marco dunha filosofía de corte feminino reivindicativo, polo que tralas tres horas de discusións que lle adicaron a esta sesión de apertura, acordaron abrir un proceso de traballo para analizar e debater a posible creación dunha plataforma universitaria, que prantexan como unha dinámica aberta e participativa, pero asentada en bases programativas sólidas. Para avanzar nesta liña decidiron celebrar reunións periódicas ás que prevén incorporar a máis mulleres, fixando a próxima para dentro de quince días. Entre as universitarias que se atoparon onte na Casa de Europa había profesoras, algunhas delas catedráticas, e becarias de varias facultades como Matemáticas, Bioloxía, Económicas e Empresariais, Filosofía e Filoloxía, entre outras. Do anuncio do nacemento desta plataforma fíxose eco a organización de estudiantes independentistas Agir, que a través da responsable local en Compostela manifesta o seu rechazo ós prantexamentos expresados por Esperanza Guisán. Consideran que a devandita iniciativa «non pretende máis que fomentar os valores própios do patriarcado, no que as mulleres son caracterizadas como sensatas, sensibles e que o seu deber é transmitir afectividade fronte ás actitudes propiamente masculinas». Lembran que Agir vén loitando e rexeitando este tipo de actitudes nos centros de ensino e denunciando a discriminación que a muller sofre neste ámbito, así como o seu labor para fomentar o feminismo dentro da Universidade, «que se traduce nunha afiliación de mulleres que en Compostela dobra a de homes».