A sala alternativa inicia a temporada cun curso impartido por Bárbara Monteagudo A compañía Andrés Corchero-Rosa Múñoz abre as actuacións con dous solos de danza
23 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A O Teatro Galán enfróntase ó outono cunha programación tan atractiva como dinámica. A actividade iníciase nesta sala coa oferta dun curso de danza impartido por Bárbara Monteagudo, a bailarina coruñesa que este mesmo verán estreou en Compostela a compañía que formou cos cubanos Armando Martén e Ana Beatriz Pérez, Trespasando , título tamén da coreografía coa que se presentan en público. O 2 de novembro estrean no Certamen Coreográfico de Madrid unha nova producción, Era , que presentarán no Teatro Galán a finais dese mesmo mes. O intercambio de ideas é a base do programa co que Bárbara plantea o seu primeiro traballo didáctico na Galán, un curso para aprender a crear sen personalismos. Será en clases intensivas de dúas horas durante oito días (8, 15, 22 e 29 de outubro e o 5, 12, 19 e 26 de novembro). Os interesados teñen que aboar unha matrícula de 50 euros mensuais. O primeiro espectáculo deste trimestre no Teatro Galán serán dous sólos de danza, Rara avis e A jirones , que ofrecerá do 24 ó 26 de outubro a compañía Andrés Corchero-Rosa Múñoz, intérpretes de cada un dos solos. Esta montaxe é unha das catro seleccionadas pola Rede de Teatros Alternativos entre as 96 que se presentaron para tomar parte dun circuito que pon en marcha esta entidade. Está integrado por sete salas de cinco autonomías, co obxectivo de impulsar a difusión da danza contemporánea en España. As outras tres compañías son La República, Legaleón e a compostelana Matarile.